Tuesday 07 de May de 2024

SOGAMA reduciu o depósito directo de residuos en vertedoiro nun 98% durnate a última década


Ángeles Vázquez destaca que as toneladas enviadas a vertedoiro reducíronse das 311.479 toneladas rexistradas en 2011 ás 5.463 do pasado ano

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá que Sogama logrou reducir o depósito directo de residuos urbanos en vertedoiro nun 98% durante a última década.

A conselleira de Medio Ambiente respondeu unha pregunta no Pleno do Parlamento, na que recordou que en 2011 as toneladas de residuos depositadas en vertedoiro foron 311.479, fronte as 5.463 do ano pasado. Indicou que esta xestión se mostra máis eficiente se se comparan coas rexistradas en 2008, exercicio no que máis de 410.000 toneladas acabaron no vertedoiro, acadando a cifra máis alta de depósito dos últimos 13 anos.

Explicou que o balance de 2020 é un dos froitos que se recolle da aplicación do Plan de xestións de residuos urbanos, a folla de ruta nesta materia en Galicia, grazas ao cal se investiron máis de 84 millóns de euros, para apostar por unha xestión eficiente dos residuos.

Grazas a esta planificación actuouse en todos os aspectos: eliminando vertedoiros, ampliando a rede de puntos limpos, loitando contra os puntos de vertido incontrolado e reforzando o papel de Sogama, un modelo referente en Europa e que na actualidade da servizo ao 94% dos concellos de Galicia.

Novo plan de xestión
A conselleira recordou que o plan de xestión de residuos actual remata a súa vixencia no ano 2022, polo que o Goberno galego empezará xa a traballar no novo plan de residuos, para dar resposta aos retos de futuro, apoiándose na Lei de residuos e solos contaminados, que entrou en vigor o pasado mes de marzo, co que Galicia se adiantou á aprobación da normativa estatal que tiña que estar operativa desde 2020.

Ángeles Vázquez salientou que Galicia ten un marco definido e un obxectivo claro: avanzar na transición cara o modelo de economía circular en colaboración cos concellos.

Unha das eivas principais será a xestión dos biorresiduos para os que xa se deron pasos, como a entrega de 5.000 contedores marróns aos concellos, o impulso de proxectos demostrativos e do programa de compostaxe doméstica de Sogama; e que nos vindeiros meses estará marcado pola construción nas novas plantas de tratamento.

Recordou que a Xunta está a impulsar a posta en marcha de tres plantas de biorresiduos en Vilanova de Arousa, Cervo e Verín, grazas á mobilización de 25 millóns de euros, que se sumarán á xa construída en Cerceda e a outros proxectos públicos e privados que se impulsen en Galicia.